Saturday, September 02, 2006

Salvavidas de chumbo

Galicia contra o fume quere empregar esta web como foro de discusión e debate, así coma tamén para apuntar textos que nos permitan visualiza-lo que se agocha trala cortiña de fume. O texto que a continuación transcribimos é obra de Eduardo Galeano, escritor e xornalista uruguaio, coñecido activista contra o neoliberalismo en América Latina, autor de "As veas abertas de América Latina" e "Memorias do lume". Este artigo foi enviado por Eduardo Galeano a Vía Campesiña Brasil, en homenaxe ás mulleres campesiñas, para o acto de solidariedade do 16 de agosto de 2006, na Universidade Federal de Rio Grande do Sul, UFRGS - Porto Alegre (Brasil).


Salvavidas de chumbo

Eduardo Galeano

(Tradución, Galicia contra o fume)

Os nosos países modernízanse. Agora o discurso oficial manda honra-la débeda (aínda que sexa deshonrosa), atraer investimentos (aínda que sexan indignos) e entrar ao mundo (aínda que sexa pola porta de servizo).


¿Seguímonos crendo os contos de sempre?

América Latina naceu para obedecer ao mercado mundial, cando aínda o mercado mundial non se chamaba así, e mal que ben seguimos amarrados ao deber de obediencia.
Esta triste rutina dos séculos empezou co ouro e a prata e seguiu co azucre, o tabaco, o guano, o salitre, o cobre, o estaño, o caucho, o cacao, a banana, o café, o petróleo...


¿Que nos deixaron eses esplendores?

Deixáronnos sen herdanza nin querenza. Xardíns convertidos en desertos, campos abandonados, montes furados, augas podrecidas, longas caravanas de infelices condenados á morte temperá, baleiros pazos onde deambulan as pantasmas.

Agora é a quenda da soia transxénica e da celulosa. E outra vez repítese a historia das glorias fugaces, que ao son das súas trompetas anúnciannos longas desditas.


¿Será mudo o pasado?

Negámonos a escoitar as voces que nos advirten: os soños do mercado mundial son os pesadelos dos países que se someten aos seus caprichos. Seguimos aplaudindo o secuestro dos bens naturais que Deus, ou o diaño, nos deu, e así traballamos pola nosa propia perdición e contribuímos ao exterminio da pouca natureza que queda neste mundo.

Arxentina, Brasil e outros países latinoamericanos están vivindo a febre da soia transxénica. Prezos tentadores, rendementos multiplicados. Arxentina é, desde fai tempo, o segundo produtor mundial de transxénicos, logo de Estados Unidos. En Brasil, o goberno de Lula executou unha desas piruetas que fraco favor fan á democracia e dixo si á soia transxénica, aínda que o seu partido dixera non durante toda a campaña electoral.

Isto é pan para hoxe e fame para mañá, como denuncian algúns sindicatos rurais e organizacións ecoloxistas. Pero xa se sabe que os paisanos ignorantes néganse a entender as vantaxes do pasto de plástico e da vaca a motor, e que os ecoloxistas son
uns agoireiros que sempre cospen o asado.

Os avogados dos transxénicos afirman que non está probado que prexudiquen a saúde humana. En todo caso, tampouco está probado que non a prexudiquen. E se tan inofensivos son, ¿por que os fabricantes de soia transxénica se negan a aclarar, nos
envases, que venden o que venden? ¿Ou seica a etiqueta de soia transxénica non sería a mellor publicidade?

E si que hai evidencias de que estas invencións do doutor Frankenstein danan a saúde do chan e reducen a soberanía nacional.

¿Exportamos soia ou exportamos chan? ¿E seica non quedamos atrapados nas gaiolas de Monsanto e outras grandes empresas de cuxas sementes, herbicidas e pesticidas pasamos a depender?

Terras que producían de todo para o mercado local, agora conságranse a un só produto para a demanda estranxeira. Desenvólvome cara a fóra, e do dentro esquézome. O monocultivo é unha prisión, sempre o foi, e agora, cos transxénicos, moito máis.

A diversidade, en cambio, libera. A independencia redúcese ao himno e á bandeira se non se asenta na soberanía alimentaria. A autodeterminación empeza pola boca. Só a
diversidade produtiva pode defendernos dos súbitos derrubamentos de prezos que son costume, mortífera costume, do mercado mundial.

As inmensas extensións destinadas á soia transxénica están arrasando os bosques nativos e expulsando aos campesiños pobres.

Poucos brazos ocupan estas explotacións altamente mecanizadas, que en cambio exterminan os plantíos pequenos e as hortas familiares cos velenos que fumigan. Multiplícase o éxodo rural ás grandes cidades, onde se supón que os expulsados
van consumir, se os acompaña a sorte, o que antes producían. É a agraria reforma: a reforma agraria ao revés.


A celulosa tamén se puxo de moda, en varios países.

Uruguai, sen ir máis lonxe, está querendo converterse nun centro mundial de produción de celulosa para abastecer de materia prima barata a afastadas fábricas de papel.
Trátase de monocultivos de exportación, na máis pura tradición colonial: inmensas plantacións artificiais que din ser bosques e convértense en celulosa nun proceso industrial que arroxa desfeitos químicos aos ríos e fai irrespirable o ar.

Aquí empezaron sendo dúas plantas enormes, unha das cales xa está a medio construír. Logo incorporouse outro proxecto, e fálase doutro e doutro máis, mentres máis e máis hectáreas estanse destinando á fabricación de eucaliptos en serie. As grandes empresas internacionais descubríronnos no mapa e brotáronse de súbito amor por este Uruguai onde non hai tecnoloxía capaz de controlalas, o Estado outórgalles subsidios e evítalles impostos, os salarios son raquíticos e as árbores brotan nun chisco.

Todo indica que o noso país pequecho non poderá soportar o asfixiante abrazo destes xigantes. Como adoita ocorrer, as bendicións da natureza convértense en maldicións da historia. Os nosos eucaliptos crecen 10 veces máis rápido que os de Finlandia, e isto tradúcese así: as plantacións industriais serán 10 veces máis devastadoras. Ao ritmo de explotación previsto, boa parte do territorio nacional será espremido ata a última pinga de auga. Os xigantes sedentos vannos a seca-lo solo e o subsolo.

Tráxico paradoxo: este foi o único lugar do mundo onde se someteu a plebiscito a propiedade do auga. Por abafadora maioría, os uruguaios decidimos, no ano 2004, que o auga sería de propiedade pública. ¿Non haberá xeito de evitar este secuestro da vontade popular?

A celulosa, hai que recoñecelo, converteuse en algo así como unha causa patriótica, e a defensa da natureza non esperta entusiasmo. E peor: no noso país, enfermo de celulite,
algunhas palabras que non eran malas palabras, como ecoloxista e ambientalista, estanse convertendo en insultos que crucifican aos inimigos do progreso e aos sabotadores do
traballo.

Celébrase a desgraza coma se fose unha boa noticia. Máis vale morrer de contaminación que morrer de fame: moitos desocupados cren que non hai máis remedio que elixir entre dúas calamidades, e os vendedores de ilusións desembarcan ofrecendo miles e miles de empregos.

Pero unha cousa é a publicidade, e outra a realidade. O MST, o movemento de campesiños sen terra, difundiu datos elocuentes, que non só valen para Brasil: a celulosa xera un emprego cada 185 hectáreas e a agricultura familiar crea cinco empregos por cada 10 hectáreas.

As empresas prometen o mellor. Traballo por milleiros, millonarios investimentos, estritos controis, ar puro, auga limpa, terra intacta. E un pregúntase: ¿por que non instalan estas marabillas en Punta do Leste, para mellorar a calidade de vida e estimula-lo turismo no noso principal balneario?

0 Comments:

Post a Comment

<< Home